Saturday 04 de May de 2024

Carlos Núñez ofrecerá un concerto no Teatro Rosalía de Castro o 13 de decembro


As entradas para a actuación dun dos grandes referentes da gaita sairán á venda a partir de 21 euros

Carlos Núñez, un dos grandes referentes da gaita a nivel mundial, actuará no Teatro Rosalía de Castro o vindeiro mércores 13 de decembro. A actuación pasa a formar parte da extensa oferta cultural e musical programada polo Goberno de Inés Rey os últimos meses do ano, apostando pola diversidade de estilos para chegar a toda a cidadanía.

A actuación comezará ás 20.30 horas e as entradas estarán dispoñibles cos seguintes prezos: patio de butacas, plateas e palcos a 29 euros; anfiteatro, e palcos de anfiteatro a 25 euros; faladoiro e galería a 21 euros; localidades de visibilidade reducida (butacas comprendidas entre a 37 e a 57 e a 36 e 56 en faladoiro) a 5 euros; e localidades de mobilidade reducida e con descontos a 21 euros.

Ao longo da súa traxectoria, Carlos Núñez leva vendido máis dun millón de discos en todo o mundo, obtivo un Premio Ondas, dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos e numerosos galardóns de distinta índole en todo o mundo. Na Coruña, a súa última actuación foi o pasado mes de decembro no Teatro Colón, dentro da programación do Nadal do Concello.

Nesta ocasión, Núñez regresa coa súa nova xira de Nadal, que o levará a diferentes países europeos e a auditorios de todo o país. A actuación súmase á notable programación do Teatro Rosalía de Castro, que conta con funcións do Ciclo Principal e do programa TRC Danza ata finais de ano. As entradas sairán á venda estes días a través de Ataquilla e da billeteira do propio teatro.